Anuncios
Ticker de novas

Notables resultados para o Club Ciclista Rías Baixas nun fin de semana cargado de competicións

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Jaume Bonnin e Francesc Zurita.

Fin de semana cargado de competicións e de notables resultados para o Club Ciclista Rías Baixas. A entidade que preside José Luis Chamorro quedou moi preto de subir ao podio en terras catalás con Jaume Bonnin asinando a cuarta praza e Francesc Zurita a sétima no Campionat de Sabadell. Ademais, David Galarreta finalizou décimo quinto no Trofeo Guerrita e Ignacio Zamanillo obtivo a décimo terceira posición na primeira proba do Torneo Lehendakari.

O segundo triunfo da tempada para a formación do Val Miñor estivo preto de chegar este domingo. Zurita e Bonnin movéronse á perfección nos 121 quilómetros do Campionat de Sadadell e os dous alcanzaron o último porto da xornada no grupo de cabeza formado por 20 unidades.

Bonnin, que o día anterior terminara décimo quinto no Trofeo Joan Escola, marchouse en compañía doutros tres corredores a falta de 20 km para a conclusión. O escalador balear respondeu no seu terreo e por detrás Zurita dedicouse a controlar para frustar os intentos de botar abaixo á fuga.

O cuarteto de cabeza chegou cun minuto e medio de vantaxe á recta final e Wouter Been (West-Frisia) foi o máis rápido. Bonnin pechou o grupo e Zurita tamén se meteu no ‘top-10’ desta carreira ao ocupar a terceira praza no sprint dos perseguidores.

Trofeo Guerrita

A outra boa noticia da xornada chegou en Murcia, onde o Club Ciclista Rías Baixas rubricou na terceira xornada da Copa de España o seu mellor posto no que vai do certame estatal. Galarreta logrou a décimo quinta posición no Trofeo Guerrita e con este resultado ascende ata a décimo oitava praza da xeral.

Desde o bandeirazo inicial ao 145 km, con saída e chegada en Alcantarilla, o conxunto que dirixe Iván Rodríguez buscou ser protagonista. Iván Arribas filtrouse nunha das primeiras escapadas que foi neutralizada á altura do km 40.

No tramo final a ascensión ao Alto de Gebas dinamitou esta clásica. Por diante marcháronse o gañador Juan Pedro López (Polartec-Kometa) e o ponteareán Cristian Mota (Aldro). Galarreta formou parte do segundo grupo perseguidor, que concluíu a 1:54 dos dous primeiros, e impúxose no sprint aos seus 20 acompañantes.

Antonio Barbero, 48ª a 4:22, e Adrián Escobar, 56º a 6:48, tamén completaron esta proba. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas clasificouse décimo terceiro nesta cita que marca o final do primeiro bloque da Copa de España.

Euskadi

A terceira actuación destacada da formación miñorán durante este fin de semana chegou o sábado no País Vasco. Ignacio Zamanillo disputou de maneira individual a primeira carreira puntuable para o Torneo Lehendakari e fíxose coa 13ª praza en Urretxu. O madrileño estivo moi activo e alcanzou a liña de meta xunto aos outros dezaoito elixidos que se xogaron o triunfo. A vitoria despois de 119 km correspondeulle a Pablo Benito (Caja Rural).

Anuncios