
A Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia organizan esta Semana Santa unha andaina pola Ruta Máxica e unha visita guiada polo barrio do Arrabal, dúas actividades que teñen o obxectivo de dar a coñecer o patrimonio do municipio e promover o turismo cultural.
A primeira actividade será a andaina pola Ruta Máxica (18 km) o venres 30 de marzo. O itinerario incluirá puntos de interese como os petróglifos da Pedreira e A Pousadela, o bosque das Sobreiras do Faro e o castro da Cabeciña. Sairá as 10.00 horas e terá percorrido lineal, con paradas para contemplar os puntos de interese e para comer (cada participante deberá levar a súa comida). Trátase dun roteiro de dificultade baixa.
A andaina pola Ruta Máxica de Oia é gratuíta, pero é preciso inscribirse no número de teléfono 689 355 713 ou ben no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.
Visita guiada gratuíta ao Arrabal
Para o sábado 31 de marzo está programada unha visita guiada polo barrio do Arrabal (contorna do Mosteiro de Oia) que sairá ás 12.00 horas do exterior da Oficina de Turismo. A actividade é gratuíta e non require inscrición.