
O vindeiro mércores día 14 de marzo ás 16:00 horas presentarase na antiga escola infantil de Chandebrito o libro titulado «Toponimia de Chandebrito», traballo que recompila un total de 750 nomes de lugar (topónimos) situados nesta parroquia e nas zonas próximas a esta (en Coruxo, Valadares, Vincios e Camos).
Este traballo, proxecto da Asociación «Chandebrito 1807» e do Clube Espeleolóxico Maúxo, foi coordinado por Carlos Gómez Costas e Xavier Groba González e desenvolveuse durante todo o ano 2017, aínda que xa se realizara a busca de información nos anos 2008 e 2009.
Entre as súas 32 páxinas a toda cor, atópanse 9 láminas con voos aéreos nos que se localizan 607 topónimos (os 143 restantes cítanse pero non se recollen nos planos, ao non ter a certeza da súa situación exacta). Tamén se engaden fotografías do voo americano do ano 1956, doutras fotos antigas e recentes, e de algunhas das moitas placas de pedra realizadas e colocadas por esta Agrupación para sinalizar diversos lugares de Chandebrito cos seus respectivos nomes tradicionais.
“Con este traballo, pretendemos recuperar e preservar unha parte moi importante do patrimonio cultural da zona, como é o da denominación dos lugares, algo que durante centos de anos e ata hai pouco era imprescindible para a vida da veciñanza”, sinalan desde a Asociación.
Por último, queren agradecer á veciñanza informante (preto de 30 persoas), aos colaboradores, e o apoio económico do Colexio Estudio, Casa Turística das Rozadas, Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra.

