“Non estamos no concello para facer propaganda, senón para traballar de forma real e efectiva polos dereitos da mulleres”

FOTO: GONDOMAR CONCELLO ABERTO // Jimena Varela.

No pasado pleno do día 1 de marzo, o Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto preguntou ao respecto da programación do Concello de Gondomar para o 8 de marzo. Tamén preguntaron pola declaración institucional en apoio á folga feminista que o goberno, por iniciativa propia, comprometeuse a facer a través dunha moción (aprobada por unanimidade) presentada pola concelleira Rocío Cambra.

“Vén sendo a tónica habitual que se ignoren as mocións aprobadas polo pleno municipal, pero é que tamén incumpren as súas propias propostas. O alcalde respondeu coas súas evasivas habituais, e só tras falar el lembrou que “ao mellor a concelleira de Igualdade quere engadir algo”. Nuria Lameiro negouse a intervir dicindo que para o 8 de marzo non había aínda “nada pechado” e a concelleira de Benestar Social, que “estaban preparando moitas cousas pero non se ían poñer no pleno a explicar todo””, afirma Jimena Varela.

“Dende Gondomar Concello Aberto non podemos deixar de reprobar a actitude patriarcal do alcalde, que en lugar de deixar responder á concelleira de Igualdade, acapara toda a intervención. Non contento con isto, aproveitou para queixarse de que na asemblea convocada polo movemento feminista para organizar a folga, o pasado 28 de febreiro, non se lle enviara “unha invitación personalizada á concelleira””, engade Varela.

Despois do sucedido, o Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto decidiu que non ía participar na fotografía das mulleres da corporación que organizara o goberno. “Nós non estamos no concello para facer propaganda, senón para traballar de forma real e efectiva polos dereitos das mulleres, que o que menos necesitamos son fotos conmemorativas que non teñen nada detrás. As feministas que estamos nas institucións temos a obriga de tomar medidas concretas contra as violencias machistas, e no pasado pleno o único feito a prol das mulleres foi a aprobación da moción presentada por CABE, na que propoñiamos que non se contratara publicidade en periódicos con anuncios de prostitución, e que se fixera unha ordenanza que impida a colocación de anuncios de carácter machista no termo municipal”.

Varela asegura que coa publicación da foto, o alcalde minte descaradamente ao anunciar que a súa ausencia é porque “as concelleiras de CABE non secundarán a folga”, desviando a atención dos motivos reais polos que decidiron non aparecer. “As concelleiras e participantes de Gondomar Concello Aberto sumámonos á folga e participaremos nas mobilizacións. Fraco favor faille á folga do 8M o señor Ferreira con estas acusacións falsas. Esixímoslle que rectifique esas palabras e que deixe de facer demagoxia e loita partidista coas reivindicacións das mulleres”, conclúe.

Anuncios