A “constituínte” Nona Inés Vilariño impartirá unha charla en Baiona con motivo do Día da Muller

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, recibiron na Casa Consistorial a Nona Inés Vilariño, deputada da lexislatura Constituínte 1977-1979 e novamente do 1979 ao 1983.

O alcalde fixo especial fincapé na figura da ex parlamentaria, unha das protagonistas da apertura oficial da lexislatura constituínte, formando parte dun dos momentos máis transcendentais da historia recente de España. De Nona Inés Vilariño valorou a súa “coherencia, sensatez e sentido común” e indicou que “é un exemplo para toda a sociedade.” En definitiva, “un perfil que chega a impresionar mesmo na actualidade, cando xa se avanzou tanto en materia de xénero”, concluíu o rexedor.

Pola súa banda, a concelleira encomiou o labor de Vilariño na súa defensa do papel da muller e recoñeceu que aqueles “non foron momentos fáciles”, por un dobre motivo: “ser muller sempre é difícil e entón máis aínda”, xa que elas soportaban unha “dobre loita”, a de calquera político en tempos da transición, e a de ser ademais mulleres.

“Non se era totalmente consciente da importancia da súa presenza (destas 27 mulleres) eses anos no Congreso, algo que quedou constatado co paso dos anos e grazas aos historiadores”. Paredes tamén matizou que neses tempos “a defensa dos dereitos da muller foi un tema rupturista, insólito”.

“Hai que traballar moito para que non deamos miles de pasos atrás. Mereceu a pena todo aquilo”, sentenciou Nona Inés Vilariño.

O Auditorio da Casa da Navegación de Baiona acollerá este xoves día 8 de marzo a proxección do documental “Las Constituyentes” e posteriormente celebrarase unha charla coloquio na que intervirá Nona Inés, unha das protagonistas do documental e figura clave na visualización da muller na Constitución Española. Tamén intervirá Pilar Egea Torrón, xornalista e socióloga.

A concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, presentará esta obra cinematográfica que se proxectará ás 19:00 horas e que forma parte da programación preparada pola Concellería, a través do CIM (Centro de Información á Muller), con motivo do Día Internacional da Muller.

O documental “Las Constituyentes”, dirixido por Oliva Acosta, centra a súa ollada na pegada deixada polas 27 mulleres deputadas e senadoras, que, desde o seu traballo parlamentario na lexislatura constituínte de 1977, foron protagonistas da transición e do cambio político cara a democracia en España.

Cabe apuntar que “Las Constituyentes” é un documento audiovisual dun indubidable valor sobre a historia da participación política e social das mulleres en España, documentando con iso a peripecia persoal e política que lles levou a ser as primeiras mulleres, tras Clara Campoamor, Vitoria Kent e as súas coetáneas, en atoparse nas Cortes democráticas españolas nun momento único para o noso país. Estas 27 mulleres, 21 deputadas e 6 senadoras, accederon ao Congreso e Senado español tras o período franquista, nas eleccións democráticas do 15 de Xuño de 1977, e participaron na elaboración da Constitución Española de 1978, defendendo activamente a igualdade de dereitos entre homes e mulleres na sociedade española.

A través dos testemuños das protagonistas, e unha emotiva secuencia de encontro entre deputadas e políticas actuais con algunhas das mulleres constituíntes, o documental achega unha suxestiva análise, baseada na experiencia persoal de todas elas, sobre os feitos que configuran unha das etapas máis interesantes do parlamentarismo do noso país: o das Cortes Constituíntes no período comprendido entre 1977-1979, e faio desde a perspectiva das mulleres. Trátase dunha mirada sobre a transición española nun traballo audiovisual, inédito en España ata o momento.

2018-03-07 - cartel

Anuncios