O CPI Cova Terreña de Baiona sumouse este curso ao programa “DepoEmprende na Escola”, posto en marcha por segundo ano consecutivo pola Deputación de Pontevedra, e que ten como obxectivo fomentar o emprendemento entre os máis novos.
Alumnos e alumnas de 6ºA de Primaria constituíronse como unha sociedade cooperativa. Así, Estela Alar, Pedro Cabral, Lía Castro, Óscar Conde, Manuel Dopazo, Joel Garbín, Carla García, Antía Goce, Zaira Hermida, Iria Ludeña, Julio Martínez, Álex Moure, David Pérez, Pablo Plaza, Iker Pombal, Hannah Quiñones, Iria Rocha, Alba Rodríguez e Alba Vidal son os 19 socios e socias da empresa “Artesáns&Kids”.
No primeiro trimestre elaboraron os estatutos, decidiron que capital achegaba cada un, que foi de 5 euros, e foron á Deputación para recoller o CIF de empresa. Agora, no segundo trimestre, redactaron o estudo de mercado e elaboraron os produtos para vender. Cos beneficios axudarán a dúas causas: a ONG “Axuda ao Mundo Necesitado” de Baiona e á protectora de animais Bai.senpulgas.
Aínda que estaba estipulado que a venda se realizase no terceiro trimestre, este fin de semana participaron na Festa da Arribada cun posto na rúa Lorenzo de la Carrera, moi preto do Concello, ofrecendo os seus produtos durante as tres xornadas sen descanso. “Foron presentar á concelleira de Educación, Beatriz González, e ela quixo impulsar que xa practicasen a venda nesta festa”, lembra a súa titora, Mercedes Coto, que está involucrada no proxecto xunto aos profesores de Matemáticas e Inglés, Manuel Vázquez e Santiago Otero respectivamente.
“A verdade que está a resultar unha experiencia fantástica -engade Mercedes-. Eu simplemente acompáñolles neste evento e eles fano todo, producen, elaboran, póñeno á venda, cobran, publicitan, mesmo elaboraron unhas tarxetas para que os coñezan, co seu gmail porque admiten pedidos e están moi ilusionados”.
Teñen entre 11 e 12 anos pero xa xestionan todo eles mesmos e toman todas as decisións. Mesmo teñen equipo directivo, elixido por votación, con presidenta, secretaria e tesoureiro. Tamén contan co apoio dos “papás”, sobre todo os que se dedican ao mundo empresarial, que lles axudaron con charlas nas que lles deron consellos e un deles indicoulles como deberían facer o estudo de mercado.
Durante a Arribada puideron comprobar que produtos teñen máis saída ou se marcaron un prezo correcto segundo os comentarios da xente. Venden produtos elaborados con madeira, como marcapáxinas, pousavasos ou tres en raia coas fichas feitas coa casca de noces, frascos de cristal, fan adornos, cadernos, e grazas a un obradoiro da escola de xoiería de Vigo, elaboraron pulseiras, aneis ou broches. Os materiais, moitos deles, son reutilizados, e outros tiveron que compralos.
No terceiro trimestre continuarán vendendo, aínda que non teñen concretado o lugar. Previsiblemente será no Mercado de Sabarís. E no mes de maio, terán un punto de venda xunto cos outros 20 centros de ensino participantes en “DepoEmprende na Escola” en Pontevedra, como peche da iniciativa. “É unha aprendizaxe para a vida, para que coñezan que é unha vida empresarial, que saiban que hai máis cousas ás que se poden dedicar. Síntome moi orgullosa e a xente valora moito o seu esforzo”, conclúe a titora dos mozos e mozas.
Os interesados en contactar con “Artesáns&Kids” poden facelo a través do correo electrónico artesanskids@gmail.com.


