A localidade de Oia acollerá o domingo 29 de abril a segunda edición do Desafío Talaso Atlántico, Crono-Escalada Cicloturista: Mosteiro de Oia – A Valga – Alto da Groba. A proba está organizada por Ciclismo Oiense, autorizada pola Federación Galega de Ciclismo e apadriñada por Óscar Pereiro, vencedor do Tour de Francia do ano 2006.
A marcha partirá ás 10:00 da mañá das instalacións do Hotel Talaso Atlántico. O pelotón percorrerá un primeiro tramo neutralizado semichán de 23 km por Baredo, Faro de Cabo Silleiro, Oia (capela de San Sebastián) e Porto de Oia.
Ás 11:00 horas desde a contorna do Mosteiro Cisterciense (altitude de 10 m) darase a saída ao prato forte da xornada, a Crono-Escalada Cicloturista de 17 km, (saída en pelotón e toma de tempos individual por chips na chegada), polo alto da Valga – Torroña – Alto da Serra da Groba (altitude 633 m) con meta no final de etapa da Volta Ciclista a España do ano 2013.
Unha vez avituallados e repostas as forzas, renóvase a terceira parte da marcha de 20 km neutralizados por Chan da Lagoa, Belesar, Baiona e finalizando no Talaso Atlántico despois de completar un percorrido de 60 km.
Na Meta do Talaso procederase á entrega de obsequios, consistentes en bonos regalo de estancia para 2 persoas con almorzo e percorrido de talasoterapia incluído máis camiseta conmemorativa aos primeiros de cada categoría da cronoescalada. Os segundos e terceiros recibirán un bono-regalo de percorrido atlántico de talaso terapia máis camiseta conmemorativa.
Tamén haberá premios ao club con máis participantes e aos e as participantes máis veteranos e veteranas. Co número de dorsal particípase no sorteo de bonos para percorridos atlánticos de talasoterapia e diversos agasallos.
Rematará a xornada cunha comida fin de marcha, con menú especial para deportistas deseñado por un nutricionista do Hotel Talaso Atlántico.
O custo da inscrición é de 12 € para os ciclistas federados e de 22 € para os ciclistas non federados que inclúe a licenza de 1 día da Federación Galega de Ciclismo. Hai que facer a inscrición, a partir do 15 de marzo, en www.magmasports.es.
Organiza Ciclismo Oiense e o Hotel Talaso Atlántico. Colaboran os Concellos de Oia e Baiona, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Ciclismo e diversas firmas comerciais. Máis información en www.ciclismooiense.com ou no teléfono 666 609 410.

