Sin categoría

“Valmiemprega II” ofrece charlas didácticas e rutas guiadas aos centros educativos

O Obradoiro de Emprego “Valmiemprega II”, promovido polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, é un proxecto de formación e emprego de nove meses de duración, no que se alterna a formación teórico práctica co traballo ou servizo nas distintas especialidades.

Desde a especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante”, ofrécese aos centros educativos a organización de charlas didácticas e rutas guiadas para dar a coñecer os recursos da comarca do Val Miñor. Estas actividades serán realizadas polo alumnado-traballador do obradoiro e terán lugar entre os meses de marzo e abril. O proxecto enmárcase no ámbito territorial dos municipios do Val Miñor, Baiona, Gondomar e Nigrán, coa denominación de “Explorando o Val Miñor”.

As actividades están pensadas para escolares de primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptando os contidos a cada unha das diferentes franxas de idade.

As “Charlas didácticas” acompañaranse con distintas actividades participativas, para que o contido sexa atractivo e didáctico ao mesmo tempo. A temática é sobre o territorio do Val Miñor, tocando os aspectos xeográficos e históricos, e amosando os recursos máis salientables do patrimonio histórico-artístico, cultural e natural. A duración aproximada estímase en 1 hora, tendo en conta a idade dos escolares.

Para escolares de idades entre 10 e 14 anos poderá escollerse entre dous temas:
● Natureza e actividades: centrado nos recursos naturais da comarca e as actividades que se fan nela como sendeirismo, actividades náuticas, etc…
● Os segredos do Val Miñor: centrado no noso patrimonio histórico artístico e na nosa cultura.

Para escolares de idades entre 6 e 9 anos o contido é unha mestura dos dous anteriores.
Para escolares a partir de 14 anos ó contido e “Aspectos xerais do Val Miñor”.
As “Rutas guiadas” a duración aproximada estímase en 2 horas, tendo en conta a idade dos escolares. Poderanse elixir entre as seguintes posibilidades.

BAIONA
● RUTA 1: “EXPLORANDO MONTE BOI”
Percorrido de interpretación paisaxística dende A Palma seguindo polo paseo Monte Boi, onde descubrirán os segredos da fortaleza e da paisaxe da baía.
● RUTA 2: “UN PASEO MARIÑEIRO”
Percorrido comezando no paseo Pinzón, continuando polo Monumento “Encontro entre dous Mundos”, Paseo da Ribeira, Museo da Carabela e finalizando no Porto pesqueiro.

NIGRÁN
● RUTA 1: “EXPLORANDO AS DUNAS CHEGAMOS Á FOZ”
Percorrido dende Praia América á altura das Dunas de Gaifar ata Ramallosa pasando por Monte Lourido. Interpretando a paisaxe e os valores naturais coa flora e a fauna do lugar.
● RUTA 2: “REMONTANDO O RÍO MUÍÑOS”
Partindo de Praia América farán o percorrido da Senda do Río Muíños. Contemplando a paisaxe de bosque de Ribeira e conectando o mar co interior.

GONDOMAR
● RUTA 1: “DE PONTE A PONTE”
Percorrido a carón do Río Miñor dende a Ponte das Ánimas ata a Ponte de Mañufe. Descubrirán o río Miñor, o punto de confluencia co río Zamáns e as características propias dun bosque de ribeira mesturado coa historia das pontes.
● RUTA 2: “DESCUBRINDO OS SEGREDOS DA VILA DE GONDOMAR”
Percorrido polos arredores da vila visitando o Acueduto do Bravo, a Igrexa e contorna de San Bieito, a Ponte das Ánimas e finalizando no Parque da Coelleira na estatua da Galiña Azul.

Dende o Obradoiro Valmiemprega II considérase que este tipo de actividades divulgativas do patrimonio contribúe a crear unha conciencia e respecto polo noso territorio dende as idades máis novas, por iso ofrécese esta interesante iniciativa, agardando que sexa de interese.

Máis información no teléfono 986 384 020 ou a través do correo electrónico oevalmiemprega2@gmail.com.