Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Nigrán mostra o seu total apoio á folga convocada no Día Internacional das Mulleres

O Concello de Nigrán apoia publicamente a folga convocada polo movemento feminista o vindeiro xoves 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Con este obxectivo, dende o Concello se convoca á veciñanza e ás traballadoras e traballadores municipais a participar este día nunha concentración de 15 minutos ás 12:00 horas na praza do Concello. Así mesmo, o goberno local facilitará por todos os medios dispoñibles que os empregados municipais se sumen ao paro parcial de 12:00 a 14:00 horas no consistorio. Por outra banda, o goberno de Nigrán anima á cidadanía en xeral a que participe na gran manifestación convocada pola Plataforma Feminista Galega este domingo 4 en Vigo dende ás 12:00 en Vía Norte.

“Compartimos ao 100% os motivos desta folga cuxo obxectivo é protestar contra a fenda salarial, a desigualdade social e a violencia contra a muller no ámbito familiar ou laboral. É ademais unha invitación a reflexionar colectivamente sobre qué podemos e debemos facer os homes para trocar esta situación de desigualdade e inxustiza”, incide o alcalde, Juan González.

Ademais da concentración, no Concello se colgará unha faixa en conmemoración desta data e o sábado, día 10, se inaugurará unha exposición e documental que busca render tributo ás mulleres deportistas de Nigrán, claro exemplo de invisibilización por razón de xénero aínda hoxe.

Anuncios