Anuncios
Ticker de novas

A ONCE dedica o cupón do 3 de marzo á “Festa da Arribada”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do cupón da ONCE dedicado á Arribada.

A “Festa da Arribada” de Baiona, que este ano conmemora o 525 aniversario da chegada da carabela La Pinta á localidade pontevedresa o 1 de marzo de 1493, é a protagonista do cupón da ONCE do próximo sábado 3 de marzo de 2018. Cinco millóns e medio de cupóns da ONCE difundirán este evento, que desde o ano 2015 é Festa de Interese Turístico Internacional.

O cupón dedicado á “Festa da Arribada” no 525 aniversario do fito histórico foi presentado esta mañá por Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia, e Ángel Rodal Almuiña, alcalde de Baiona, acompañados polos concelleiros de Cultura e de Accesibilidade de Baiona, María Iglesias e Policarpo Vilar, respectivamente, e do director de ONCE-Vigo, Roberto Gaspar Conde.

O delegado territorial de ONCE fixo entrega ao alcalde dunha reprodución enmarcada do cupón a tamaño maior do orixinal. Manuel Martínez felicitou ao pobo de Baiona polo prestixio que adquiriu a festa, co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional e coa chegada, cada ano, de máis visitantes desexosos de participar nunha experiencia exemplar na recreación do ambiente medieval que reinaba aínda en España a finais do século XV.

A Arribada en 4 cupóns desde 1992

Manuel Martínez lembrou, así mesmo, que esta é a cuarta vez que a ONCE homenaxea este acontecemento e os seus personaxes nas ilustracións do cupón. O 19 de outubro de 1992, ano do 500 aniversario do descubrimento de América, a imaxe do cupón foi o capitán da carabela La Pinta, Martín Alonso Pinzón. O 21 de maio de 2003 dedicoulle o cupón á Arribada da carabela á Real Vila de Baiona; o 22 de agosto de 2007 volveu aparecer La Pinta como ilustración do cupón dedicado ao Concello de Baiona, e agora volve facelo no 525 aniversario dese acontecemento histórico.

O cupón dedicado á XXIII Festa da Arribada no 525 aniversario do acontecemento está ilustrado cunha reprodución do cartel oficial da Festa, que este ano se celebra os días 2, 3 e 4 de marzo. Cada 1 de marzo conmemórase a chegada da carabela La Pinta ao porto de Baiona coa noticia do descubrimento de América e no fin de semana seguinte a esa data a Real Vila de Baional festexa o acontecemento no caso antigo da localidade e na praia cunha recreación medieval na que ofrecen xustas, concursos, artesanía, música e gastronomía da época.

O eixo central da festa é a reprodución teatral do feito, a escenificación do relato que Martín Alonso Pinzón e os tripulantes da Pinta fixeron da xesta do descubrimento de América ao corrixidor de Baiona o día 1 de marzo de 1493.

O cupón da ONCE ofrece, os fins de semana, un premio principal ás cinco cifras e serie de 300.000 euros, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos a un só cupón do número e serie premiados na primeira extracción. Ademais, premios de 2.000 euros ao mes durante 10 anos consecutivos, aos catro cupóns dos números e serie premiados nalgunha das extraccións da segunda á quinta. 54 premios de 20.000 euros ás cinco cifras do número premiado na primeira extracción. E premios de 400, 200, 30, catro e dous euros.

Os produtos da ONCE comercialízanse polos máis de 20.000 axentes vendedores da ONCE. Grazas ao Terminal Punto de Venda (TPV), o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais, pódense adquirir a través da web de xogos da ONCE www.juegosonce.es.

Anuncios