A Asociación “Chandebrito 1807” cuestiona a modificación das Normas Subsidiarias

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM).

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807”, ante a pretensión do goberno municipal de Nigrán de querer aprobar inicialmente unha modificación das Normas Subsidiarias (NNSS) de Planeamento Municipal no próximo pleno do mes de marzo, despois de fracasar no seu intento no pasado pleno do mes de febreiro, considera que non se trata dunha proposta exclusivamente técnica como manifestan desde o goberno municipal senón dunha que ten un maior calado e transcendencia e que podería levar á presentación de numerosas alegacións na exposición pública no caso de chegar a aprobarse.

Na opinión desta agrupación o interese do goberno municipal na aprobación desta modificacións das NNSS non obedece a unha demanda social, como sería a aprobación do PXOM, senón a intereses de particulares afectados por obras realizadas fóra da ordenación urbanística por incrementos de edificación en determinados solos, retranqueos, baixo cubertas ou alteracións das rasantes.

“Chama a atención que por parte do goberno municipal se tramitase o expediente desta modificación urbanística que ninguén formalmente demandou e sen consultar cos demais grupos municipais e polo contra se deixase de lado o acordo plenario tomado por unanimidade de 24 de novembro de 2010, a proposta do actual grupo gobernante, consistente en iniciar os tramites administrativos para axustar os Núcleos Rurais da parroquia de Chandebrito á lexislación vixente. Non deixa de sorprender que o alcalde non fixera nada ao respecto naquel mandato cando se tomou o acordo plenario no que era concelleiro de urbanismo nin ao comezo do actual xa como alcalde, pero cando estaba na oposición lle esixía ao ex-alcalde do PP o cumprimento de dito acordo plenario. Esta forma de actuar só pode cualificarse de hipocresía política e engano á veciñanza de Chandebrito, como agora se pretende enganar a todo o municipio de Nigrán con esta modificación das NNSS”, sinalan desde a Asociación.

Ademais, para o colectivo de Chandebrito non ten sentido actualmente a aprobación dunha modificación das NNSS unha vez que a Xunta de Galicia ten previsto aprobar moi proximamente o Plan de Urbanismo Básico Autonómico, directrices para aqueles concellos con normas subsidiarias municipais ou plans xerais non adaptados a Lei do Solo de 2016, porque o que se aprobe agora pode entrar en contradición con dito plan autonómico.