A Cea Medieval marca o inicio da Festa da Arribada

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) celebrou este sábado a súa tradicional Cea Medieval no Parador de Baiona, velada que ten lugar cada ano a semana anterior á Festa da Arribada, e que nesta ocasión cumpría a súa edición número XIX.

150 comensais gozaron dunha cea composta por caldiño de Pedro Madruga, asado de cordeiro lechal ao tomiño con fritos de cabaza, lobo en pan de raxo, a froita do Monte Real e degustación de sobremesas do medievo (as filloas do Tío Remigio, Torta do Conde e Almendrados do Convento da Anunciada), todo acompañado polo viño da Adega do Castelo e Auga das Pasasiñas.

Tampouco faltaron os “Ñoclos de Pinzón”, as Rosquillas Cristaleiro e a Torta de Sarmiento de Tupana Obrador, que ademais presentou “O pan do forno dos clérigos”, receita recuperada polo historiador local Anxo Rodríguez Lemos, para finalizar cunha Queimada.

A velada contou coas actuacións de Non Si? Teatro, o grupo de gaitas “A Seneira”, a Escola de Danza Vila de Baiona, as Pandereteiras de Monteboi, Rafa Durán e o clarinetista baionés Carlos Gay Fernández. De Melo DJ foi o encargado de amenizar a festa posterior.

Entre os asistentes á cea atopábase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e os membros da corporación María Iglesias, José Ángel Bahamonde, Mª Carmen Paredes, Rafael Lores e Carlos Gómez, ademais do deputado provincial Santos Héctor, Anxo Rodríguez, secretario da Asociación Pro-Hermanamientos Cristóbal García Sarmiento, Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Antonio Requera, presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e presidente da Fundación Luso-Galaica, e Francisco Javier Rodríguez e Roberto Canella, director e subdirector da oficina de ABANCA en Baiona.

Anuncios