Anuncios
Ticker de novas

Gondomar homenaxeará este domingo aos afectados polos incendios

FOTO: CHRIS DOAL

No mes de outubro do pasado ano Gondomar sufriu unha vaga de incendios que comezou na parroquia de Peitieiros, estendéndose por outras parroquias do termo municipal.

Este domingo, 25 de febreiro, ás 12:00 do mediodía, o Concello de Gondomar celebrará un acto homenaxe a todos os afectados por este atentado contra o medio ambiente e en agradecemento a todos aqueles que colaboraron de forma altruísta para a súa extinción.

O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entende que é de xustiza que exista un monumento que nos lembre aqueles duros momentos vividos, que reflicta a importancia desa colaboración cidadá e das autoridades que se implicaron para salvagardar un dos bens máis prezados que ten o municipio, os seus montes.

Para iso desenvolverá un sinxelo acto inaugural dunha escultura realizada por David Leiros Araujo, un novo escultor, acompañado dun dúo de violíns, que interpretará pezas de Johann Sebastian Bach.

Contará ademais coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e co Presidente da Cámara de Gondomar de Portugal, Marco Martín, cidade coa que está irmandado o municipio, lembrando que o noso país veciño este verán tamén foi un afectado. A maiores haberá representantes de movementos asociativos, asociacións culturais, e demais autoridades civís e militares.

O Alcalde fai extensiva esta invitación a todos os veciños e veciñas de Gondomar para que sexan partícipes deste acto de recoñecemento e agradecemento.

Anuncios