Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acolle unha obra de teatro científico para os máis pequenos

“Hola! Me llamo Luisa y estoy aquí para hablaros de mi trabajo… Y claro! os estaréis preguntando en qué trabajo, verdad?”. Así comeza a obra de teatro “Qué trabajo tan curioso!”, unha creación da Unidade de Cultura Científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia para público infantil que chega a Nigrán da man do proxecto de divulgación científica Cidade Ciencia. A obra representouse esta mañá no CEIP de Cruz, en Camos, e no Colexio Estudio, en Chandebrito, os dous centros que a solicitaron.

A protagonista, investigadora no escenario e divulgadora na vida real, convidou ao público a que adiviñasen cal é a súa profesión. Unha vez resolto o enigma, Luisa falou sobre investigadores que son como ela, e que traballan para entender o mundo no que vivimos e mellorar a vida das persoas. A continuación, a nosa intrépida científica descubriu, coa axuda da ciencia e de dous personaxes moi especiais, que hai nas mans e na boca dos asistentes, aínda que eles pensasen que estaban completamente limpas. “A nosa intención é que os nenos e nenas da localidade pasen un intre divertido á vez que aprenden hábitos de hixiene saudables e valores sobre a igualdade de xénero, xa que é importante que teñan claro que no ámbito científico hai mulleres e homes que fan un gran traballo como investigadores e investigadoras”, explica Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia.

Esta actividade forma parte da programación de Ciudad Ciencia, un proxecto de divulgación científica que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Obra Social “la Caixa” puxeron en marcha xunto con máis de 40 municipios co fin de que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.

Anuncios