Anuncios
Ticker de novas

Iván Martínez elixido novo vicepresidente do Banco de Alimentos de Vigo

O ata agora coordinador das Grandes Recollidas Solidarias, Iván Martínez, acaba de converterse no novo vicepresidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, tras ser elixido por unanimidade durante a reunión do padroado desenvolvida a semana pasada, nas instalacións de San Pedro de Sárdoma.

No devandito encontro, acordouse tamén nomear vicepresidente emérito a Ernesto P. Badía, Tito, e secretario emérito a Rafael Fernández, ambos os dous voluntarios veteranos ligados á ONG desde os inicios da súa constitución e posta en funcionamento hai agora 23 anos, no almacén da rúa Pino. No caso de Badía, trátase dun dos fundadores do Banco de Alimentos e o seu traballo incansable a favor dos que peor o están pasando todo un exemplo. Fernández, pola súa banda, incorporouse ao proxecto meses despois e, desde entón, é un referente máis que solidario e de empatía cos máis desfavorecidos.

A entidade acometeu estes cambios no seu organigrama de maneira unánime co obxectivo de seguir exercendo o seu labor humanitario axudando a persoas con dificultades na provincia.

Traxectoria solidaria do novo vicepresidente

Iván Martínez incorporouse como voluntario do Banco de Alimentos en 2013 e, deseguido, comezou a desenvolver labores de Administración. Colaborou intensamente na primeira Gran Recollida Solidaria desenvolvida pola ONG e, desde 2014, converteuse no coordinador de todas estas importantes accións.

Licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, durante os últimos anos foi responsable rexional da área comercial dunha importante empresa con sede en Vigo.

O vicepresidente recentemente elixido agradeceu a confianza depositada nel por parte dos seus compañeiros e asegurou que afronta esta nova etapa como unha “gran responsabilidade” e “un reto complicado” ao substituír a “todo un referente no Banco de Alimentos como é Tito”.

Actividade do Banco de Alimentos

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu 1,9 millóns de quilos de comida (1.896.676 quilos). A entidade apolítica e aconfesional dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable

Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia.

Anuncios