Este luns presentouse en Gondomar a primeira xornada da Fase Sur do XogaJudo, unha actividade organizada pola Federación Galega de Judo e enmarcada dentro do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Esta primeira xornada terá lugar este sábado 24 de febreiro desde as 11:00 horas no Pavillón de Deportes de Gondomar. Participarán un total de 360 mozos e mozas das categorías Alevín e Infantil pertencentes a 49 clubs das provincias de Pontevedra e Ourense e de Santiago de Compostela, 118 na categoría feminina e 242 na masculina.
A actividade ten como principais obxectivos iniciar aos nenos e nenas máis novos na competición deportiva a través dunha competición adaptada, baseada en estimular e recoñecer o esforzo dos practicantes na procura dun mellor desenvolvemento persoal e deportivo, promovendo os valores do espírito deportivo, respectando aos profesores e aos compañeiros, cun regulamento que dá prioridade aos valores de compañeirismo e a deportividade por encima do resultado deportivo.
Xornada de iniciación ao Judo
Previamente, este xoves día 22, alumnos e alumnas dos colexios CEIP Chano Piñeiro, CEIP Serra Vincios e CEIP Plurilingüe Souto Donas participarán nunha xornada de iniciación ao Judo, que se desenvolverá tamén no Pavillón de Deportes de Gondomar.

