Os principais clubs náuticos de Galicia desprazarán este fin de semana ata Baiona aos seus equipos de 420 para disputar o Trofeo Baitra, unha competición impulsada polo Monte Real Club de Yates na que se darán cita os mellores regatistas da clase.
Entre eles estarán, entre outros, o vigués Martín Wizner e o pontevedrés Pedro Ameneiro, que o pasado mes de xaneiro coroáronse en Fremantle (Australia) como campións do mundo sub 17 da clase 420. Tamén veremos sobre a auga ao equipo formado por Jorge Enríquez e Guillermo Núñez, gañadores da anterior edición do Trofeo Baitra.
Sanxenxo, Vigo e Rodeira son os clubs que máis regatistas desprazan a Baiona, onde se reunirán máis de medio centenar de deportistas con idades comprendidas entre os 15 e os 18 anos. Participarán tamén no trofeo equipos de Portosín e Oza, así como do propio Monte Real Club de Yates.
As tripulacións participantes navegarán en frota e medirán as súas forzas en seis regatas que o comité encargado da organización repartirá, dependendo de como se porte a meteoroloxía, entre as xornadas do sábado e do domingo. A día de hoxe as previsións indican que haberá bo vento para regatear, de dirección norte e máis de 12 nós de intensidade.
Na entrega de premios, prevista para o domingo ás cinco da tarde, participará o xerente de Baitra, Juan Carlos González, que un ano máis se consolida como un dos principais impulsores da vela de base en Galicia a través do patrocinio de diferentes competicións e eventos.
Estarán tamén presentes o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde e varios directivos do Monte Real.
Ademais de ter clasificación propia, o Trofeo Baitra, de carácter clasificatorio para a categoría, seguirá definindo o ránking de 420 da Federación Galega de Vela.

