
Dende hai cando menos 10 anos distintos gobernos municipais tentaron acometer o saneamento do barrio da Pedra, en Morgadáns, ata hoxe. Por un motivo ou por outro nunca se conseguiu levalo a cabo, moitas veces por falta de recursos.
“Agora hainos e debemos de aproveitar esta oportunidade. O Plan de Obras e Servizos 2018-2019 da Deputación Provincial ten como especial novidade nesta edición que se establecen dúas anualidades para a Liña 1 (Investimentos), unha á correspondente ao exercicio 2018 destinándolle alomenos un mínimo do 67,87% ao capítulo de Investimentos, isto supón un montante de 658.195,41 € e a outra ao exercicio do 2019, cunha cantidade de 697.438,60 € que se pode facer efectivo este ano. A suma total das dúas anualidades é de 1.355.195,41€ para investimentos en Gondomar”, sinala Pauliño del Río.
Desde o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto recordan que o proxecto está feito e orzado (350.000€), as autorizacións sectoriais favorables, e incluso os permisos dos terreos de particulares afectados feita. “Só está pendente de adxudicarlle os cartos e da vontade política para levalo a cabo”.
“Estamos a falar do saneamento dun dos barrios máis singulares que hai no concello de Gondomar e na parroquia de Morgadáns, cun valor histórico e patrimonial inmenso. Unha obra de especial importancia que xa se debeu de acometer a través do Plan de Reequilibrio Territorial feito pola Deputación de Pontevedra a mediados do ano pasado, destinado a subvencionar proxectos singulares e relevantes en concellos de menos de 20.000 habitantes. Non pareceu entendelo así o goberno municipal”, engade Del Río.
Para CABE, a oportunidade de facelo a través dun financiamento extraordinario da Deputación Provincial deixouse pasar, optando o goberno por un proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna sen consensuar con ninguén, nin co resto dos grupos políticos municipais, nin veciñanza ou profesionais ou comerciantes afectados.
“Desde Gondomar Concello Aberto si nos parece unha prioridade rematar o saneamento integral do noso concello e pensamos que non debíamos de perder, novamente, a oportunidade de facer esta infraestrutura tan necesaria para o benestar dos veciños e veciñas do barrio da Pedra, e para poñer en valor un dos poucos barrios de alto valor histórico e patrimonial que aínda existen do noso concello”.
“Tendo o proxecto, os informes sectoriais favorables, os permisos concedidos, só faltaba o orzamento e a vontade política, polo que na sesión do Pleno de febreiro celebrado este xoves, o noso grupo municipal levou unha Moción pedindo a inclusión desta obra no Plan de Obras e Servizos 2018-2019. Foi aprobado por unanimidade. Esperamos que o goberno, que votou tamén a prol, cumpra este acordo Plenario e se leve a cabo obra tan demandada e necesaria”, conclúe o voceiro de CABE.