Anuncios
Ticker de novas

Detida unha veciña de Baiona por estafa, usurpación de identidade e revelación de segredos

A Garda Civil detivo a unha veciña de Baiona, V.R.C., de 36 anos, á que se lle atribúe a contratación fraudulenta de varios préstamos persoais e diversas liñas telefónicas, utilizando os datos persoais doutras persoas.

Por mor das investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, púidose concretar que esta persoa estivera traballando nunha xestoría de Baiona e valéndose dos datos persoais dun cliente, aos que tivo acceso no seu día por razóns laborais, supostamente contratou ao seu nome varios préstamos persoais en distintas entidades non bancarias e varias liñas telefónicas cos seus correspondentes terminais.

No mesmo orde de actuacións, tamén se puido pescudar que valéndose da correspondencia que obtería na caixa de correos da vivenda onde se atopaba residindo en réxime de aluguer, conseguiu acceder á correspondencia do propietario do inmoble, coa que puido contratar o alta dunha liña telefónica.

En consecuencia, a Garda Civil procedeu á detención desta persoa, á que se lle acusa da presunta comisión dos delitos de estafa, usurpación de identidade e revelación de segredos.

O montante da cantidade estafada ascende aos 3.800 euros. A investigación continúa aberta porque non se descarta a existencia de máis persoas afectadas.

A detida, que foi posta en liberdade unha vez prestou declaración no Posto da Garda Civil de Baiona, deberá comparecer cando sexa citada, no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Anuncios