Anuncios
Ticker de novas

O goberno de Nigrán levará a pleno en marzo un orzamento de 15,6 millóns

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O goberno socialista de Nigrán nunha sesión plenaria.

O goberno de Nigrán entregou aos diferentes representantes da corporación o borrador definitivo do orzamento de 2018 tras incorporar diferentes achegas realizadas por diferentes grupos políticos e engadir os investimentos do Plan Concellos, tal e como se lle solicitara. No documento, que pretende ser levado a pleno en marzo, dáselle prioridade aos Servizos Sociais ou resérvase unha partida específica para a construción da nova biblioteca (1.849.000 €). Así, o importe total das contas pasa dos 13.609,581 € de 2016 a 15.676.749 € en 2018.

Fiel á súa política de transparencia, ademais de enviar o documento final aos demais partidos, o edil de Persoal, Diego García, manterá a preceptiva Mesa de Negociación cos Sindicatos (reunión cos representantes de persoal do Concello para presentarlles a proposta). Unha vez que estean listos os informes de Intervención Municipal, os portavoces dos diferentes grupos serán convocados á Comisión de Contas para posteriormente levar o orzamento a pleno.

“Cremos que, unha vez máis e grazas a todos os representantes da corporación, teremos as mellores contas para Nigrán ao situar o benestar das persoas como eixo prioritario”, sinala o rexedor, quen agradece o traballo realizado por todos os portavoces para mellorar o documento.

Acorde co carácter progresista do goberno local, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos en Asuntos Sociais, Accesibilidade, Fomento do Emprego ou Educación. Así, todas estas partidas soben considerablemente respecto a 2016, pasando a destinada ás axudas de Emerxencia Social de 15.000 a 20.000 € (significa un 300% máis respecto a 2015); obras de Accesibilidade (tanto física como cognitiva) dentro do proxecto “Un Nigrán para todos” de 25.000 a 75.000 €, Educación de 30.000 a 45.000 € (supón un 50% máis que o orzamento de 2016, cando pasou dos 11.000 € de 2015 a 30.000 e reverterá directamente nas obras de mantemento dos centros); programa de Axuda a Domicilio de 165.000 a 185.000 € (12% máis)… Ademais, apóstase pola continuidade do servizo de atención á veciñanza radicado no consistorio e creado por este goberno hai dous anos co obxectivo de ofrecer un trato directo ao cidadán, polo que por vez primeira se reservan para esta cuestión 50.000 €.

A maiores, tamén dentro do proxecto “Un Nigrán para todos”, o goberno reforza a súa cooperación co Centro Juan María mediante un plan de emprego que supoñerá a contratación de dous traballadores a media xornada de luns a venres dedicados á limpeza de zonas verdes, sendo un investimento total de 35.000 € fronte aos 18.000 € de 2016. O goberno aposta deste xeito pola integración laboral das persoas que teñen máis dificultades para acadar un emprego.

Paralelamente, refórzase a través destas contas as accións encamiñadas ao fomento do emprego en xeral aumentando o investimento un 75%, de 40.000 € a 70.000 €.

O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa no borrador subindo a partida de 15.000 a 20.000 € (un 33% máis); o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando de 10.000 a 15.000 €.

Anuncios