Anuncios
Ticker de novas

CABE volve pedir que se destinen 75.000 € do Plan Concellos ao mantemento dos colexios

Hai agora un ano, na sesión ordinaria do Pleno da Corporación do 2 de febreiro de 2017, aprobouse por unanimidade unha moción do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto para destinar 75.000€ ao mantemento dos colexios de infantil e primaria.

“O goberno, co seu talante habitual de incumprimento dos acordos plenarios non fixo efectivo este acordo e destinou os cartos a outras prioridades, entre as que non se atopaban nin atopan os centros escolares (si outras como Anos do Conde, rotondas, mostradores, coellos, televisores, axendas e cousas variadas)”, sinala Pauliño del Río.

Segundo CABE, un ano despois o mantemento dos centros escolares seguen na mesma ou peor situación. Algúns exemplos: o CEIP de Souto Donas xa alertou da situación do tellado e o seu beirís nun Consello Escolar de data 1 de febreiro de 2017, agora hai que poñerlle unha rede para que non caian os cachotes. No CEIP Serra Vincios os baños e os vestiarios seguen a estar nun estado lamentable, o comedor quedou pequeno para poder atender a demanda, etc. Outro tanto poderíamos falar do resto dos centros de infantil e primaria.

Para Del Río non é un problema de cartos, “que os hai, senón de prioridades, e a calidade no mantemento dos centros escolares non está entre elas. A vontade e as gañas de mellorar e falar coa comunidade educativa para avanzar entre todos, tampouco. As veces abondaría con ir aos Consellos Escolares e escoitalos”.

As competencias no Concello nesta materia están establecidas na Lei de Bases de réxime Local no seu artigo 25 apartado 2, “O Concello exercerá en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias: Letra f) A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, educación primaria ou de educación especial.”

E son claras e delimitadas despois do Acordo Marco entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento do pacto local en materia de educación en relación cos centro públicos, asinado en Santiago de Compostela, a 9 de xaneiro de 2008, na sede da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

O Plan Concellos 2018 xa está publicado e está na fase de que os Concellos fagan as propostas de gasto á Deputación.

“A totalidade dos centros escolares de Primaria e Infantil do noso concello remiten todos os cursos escolares e periodicamente as súas necesidades e carencias ao goberno municipal para que as atenda no ámbito das súas competencias. Moitas destas necesidades quedan sen ser atendidas, entre outras cousas por falla de orzamento municipal”, recorda o voceiro de CABE.

Neste 2018 o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto mantén a súa aposta polo ensino público e de novo levará ao Pleno deste mes de febreiro unha proposta para que dos cartos destinados pola Deputación de Pontevedra ao Concello de Gondomar no Plan de Obras e Servizos 2018 (1 millón de euros) se lle dedique unha partida exclusivamente aos Centro Educativos e as súas necesidades, que son moitas e necesarias.

Proporán no Pleno de febreiro deste xoves día 15 no Auditorio Lois Tobío que se tome o acorde de que a Administración Local de Gondomar destinará, a conta do Plan Concellos 2018, un mínimo de 75.000€ para o mantemento e conservación dos Colexios de Infantil e Primaria Públicos do termo municipal. Está cantidade será independente da destinada a este fin no orzamento municipal.

A prioridade das necesidades en mantemento e conservación dos centros citados serán consensuadas entre o Concello e a Comunidade educativa dos mesmos.

“Veremos se desta vai ou seguen poñendo escusas”, conclúe Del Río.

Anuncios