Baiona traslada o desfile de comparsas e o enterro da sardiña ao próximo domingo

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Baiona.

As previsións meteorolóxicas previstas para mañá propiciaron que o Concello de Baiona traslade a programación de Entroido ao próximo domingo, día 18 de febreiro.

O desfile de comparsas no que participarán máis de 900 integrantes de 16 comparsas inscritas de Baiona, Nigrán, Gondomar, Vigo, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior, sairá ás 17:00 horas da Avenida Urbana de Sabarís, e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar na Alameda Carabela Pinta onde, tras a deliberación do xurado, farase entrega dos premios ás comparsas gañadoras. A comparsa que gañe o 1º premio recibirá 900€, o 2º 650€ e o 3º 500 €.

Os actos continuarán seguidamente, sobre as 19:30 horas, co enterro da sardiña, que partirá da Alameda Carabela Pinta para facer un percorrido polas rúas Ventura Misa e Elduayen ata a praia Riberira, onde terá lugar o enterro. Todo iso acompañado pola música da Charanga Nova Cubana.

Desde a Concellería de Cultura de Baiona anímase a todos a participar o vindeiro domingo nas actividades.