Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide denuncia que o PSOE rescata unha proposta do PP para regularizar áticos baixo cuberta

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Ante o anuncio por parte do actual do goberno dunha modificación das Normas Subsidiarias nas que se cambiarían os retranqueos dos viarios e se permitiría o aumento de volume en determinadas edificacións, entre outras cuestións, Nigrán Decide denuncia que a modificación esconde o rescate dunha vella proposta do PP para regularizar determinados áticos en baixo cubertas, coa agravante de que na actual proposta do goberno, non se esixe vinculación entre o baixo cuberta e as plantas inferiores, como ocorría na proposta de 2009.

En concreto, na modificación actual preténdese permitir os crebos nos baixo cubertas, o que vai producir que o volume edificable aumente considerablemente nos baixo cubertas en determinados ámbitos urbanos. Cómpre destacar que xa na modificación do ano 2009, que tamén permitía os crebros e, polo tanto, o aumento do volume, fora denunciado que dito aumento legalizaría os áticos nos baixo cubertas non permitidos.

“En materia de urbanismo hai que ter a máxima transparencia, e máis en Nigrán”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “o actual goberno non fixo mención a este aspecto nin nas notas informativas relativas a esta modificación, nin nas explicacións que facilitou nas reunións das comisións informativas nin na reunión do Consello Sectorial celebrada este mércores, limitándose a afirmar que ían permitirse as cubertas planas por cuestións estéticas. Está claro que o alcalde non quere falar deste aspecto da modificación proposta polo seu goberno, pois poría en evidencia a súa hipocrisía política, así como a súa falta de rigor e coherencia nunha materia como a do urbanismo de Nigrán, a pesar de que durante anos exerceu de Concelleiro de Urbanismo. Cómpre destacar que o actual alcalde, votou en contra da modificación proposta no ano 2009, que pretendía os mesmos obxectivos que, neste aspecto, a actual”, finaliza Cuevas.

Para Nigrán Decide, a falta de transparencia deste goberno, ao non informar de todos os cambios e os seus efectos da modificación das normas subsidiarias, así como a falta de rigor á hora de informar dos posibles efectos positivos desta modificación, inhabilitan a este goberno en materia de urbanismo. Entre os efectos positivos exaxerados está a posibilidade de aumentar até o 50% o volume das casas, especialmente no rural, pois esta circunstancia só podería realizarse en determinadas edificacións e en casos excepcionais taxados na propia norma.

O goberno volveu facilitar información falsa no Consello Sectorial

“Como fixera na reunión do Consello Sectorial celebrada en maio do ano 2017, o goberno volveu facilitar información falsa no Consello Sectorial celebrado este mércores, cando, a preguntas da representante dun colectivo social, afirmou que non podían legalizarse edificacións con orde de derribo”, sinala Cuevas, “cando todo o mundo sabe que en Nigrán fixéronse modificacións urbanísticas para regularizar determinadas vivendas, opinión que foi confirmada por técnicos especialistas na materia”.

Anuncios