Anuncios
Ticker de novas

Ábrese o prazo para participar no programa “En Ruta coa Depo 2018”

Dende este mércores 7 de febreiro ábrese o prazo de presentación das solicitudes para participar en “En Ruta coa Depo 2018”, programa da Deputación de Pontevedra promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. Así, as entidades da provincia interesadas neste programa poderán facer a súa solicitude ata o vindeiro 26 de febreiro. As peticións presentaranse no Rexistro xeral da Deputación, en calquera das súas oficinas de rexistro e no Rexistro electrónico sede.depo.es, de conformidade co establecido no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

En liñas xerais, o programa, ao que a institución provincial destina 100.000 euros máis que no 2017, oferta 32 rutas para coñecer diferentes lugares da provincia de Pontevedra para 20.000 persoas, das cales 400 gozarán do programa de xeito totalmente gratuíto. Cada participante achegará a cantidade de 12 €, que incluirá o desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos marcados nos seus concellos, a visita guiada por unha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia e o xantar.

As empresas que presenten ofertas para esta convocatoria deberán ter en conta que se trata dun programa que ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa pretende impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. Por outra banda, “En ruta coa Depo” tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

“En ruta coa Depo” está dirixido a entidades sociais da provincia de Pontevedra que poderán solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización. En total a Deputación de Pontevedra oferta 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo os lugares sinalados na ruta, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o transporte. Por segundo ano consecutivo haberá 400 prazas de balde para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.

Este ano, a institución provincial preparou un total de 32 alternativas de “En ruta coa Depo” divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. A Deputación de Pontevedra destina ó programa “En ruta coa Depo 2018” 360.000 €, 100.000 euros máis que este ano cando xa se incrementara o orzamento destinado á actuación en 21.500 € con respecto ao 2016.

No 2017, “En Ruta coa Depo” desenvolveuse entre agosto e decembro con éxito e coa participación de 410 entidades da provincia e 17.501 persoas. En total, a Deputación de Pontevedra organizou ata 279 excursións.

Anuncios