Anuncios
Ticker de novas

Baiona presenta unha Arribada moi especial para Turismo Rías Baixas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Carmela Silva e María Iglesias coas tortas de Sarmiento.

A sede de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, acolleu esta mañá a presentación da XXIII Festa da Arribada, que se celebrará o fin de semana do 2, 3 e 4 de marzo en Baiona.

Ao histórico inmoble do Palacete das Mendoza acudiu a Concelleira de Cultura da Vila, María Iglesias, para presentar o evento, quen espera volver reunir a milleiros de persoas con motivo desta festa, declarada de interese turístico internacional.

Iglesias sinalou que a XXIII edición da Arribada será moi especial. “Este ano é o 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta á Real Vila de Baiona polo que desde a Concellería de Cultura está a traballarse incansablemente por presentar unha programación que non deixe indiferente a ninguén, que vai ser especial pola importancia da efeméride”.

O acto contou coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Turismo, Santos Héctor. Sobre a Arribada, Silva destacou “a súa capacidade para enxalzar a cultura e a historia ancestral da provincia de Pontevedra”.

Iglesias convidou a todos os presentes e a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse a Baiona “para vivir un acontecemento espectacular e único que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo”.

O acto de presentación finalizou cunha pequena degustación de doces típicos da Arribada entre os que se atopaban ñoclos de Pinzón, rosquillas e torta de Sarmiento.

A presidenta da Deputación de Pontevedra finalizou agradecendo o compromiso dos representantes políticos, “que fan un traballo extraordinario e son moi conscientes da importancia do turismo como un sector moi produtivo para fomentar o crecemento económico, o emprego, apostando polo turismo de calidade e a excelencia”.

Anuncios