Nigrán aproba solicitar un préstamo sen xuros de 369.905,05€ para a nova biblioteca

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou a moción de urxencia presentada polo goberno para solicitar á Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros de 369.905,05€ destinado a financiar a totalidade da contía municipal para a construción da nova biblioteca municipal. A futura instalación está orzada en 1.849.525€, facéndose cargo a Deputación do 80% do investimento tras a concesión dunha subvención para o reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes. O 20% restante do orzamento total se corresponde aos 369.905,05 € que o goberno presentará á Deputación para a concesión deste préstamo sen xuros nin comisións de apertura. O obxectivo do goberno é amortizalo en tres anos.

«A nova biblioteca é unha realidade que está aí, temos o proxecto e xa resolvemos a cuestión do financiamento do xeito máis vantaxoso para Nigrán. Soubemos aproveitar todas as oportunidades que se presentaron para ter unha nova instalación moi necesaria para Nigrán sen que isto afecte practicamente ás arcas municipais», conclúe o alcalde, Juan González.