Declaran culpable ao ucraíno que matou a un compatriota nun piso de Nigrán

FOTO: CRTVG // O acusado durante o xuízo.

A Audiencia Provincial de Vigo declarou culpable de homicidio ao ucraíno I.V., acusado de matar a un compatriota co que vivía en Nigrán dun golpe na cabeza cunha prancha da roupa. O xurado, por sete votos fronte a dous, considera que o home acabou coa vida da vítima con “dolo eventual”, ao darlle un golpe “sen intención de matarlle, pero consciente de que se lle daba cunha prancha, podía causarlle a morte”. A Fiscalía pide 15 anos de prisión, así como unha indemnización á esposa do falecido.

Segundo o escrito de acusación, I.V., con pasaporte ucraíno e sen antecedentes penais, residía de forma temporal en Praia América con varios compañeiros, entre os que se atopaba o seu compatriota R.S. Sobre as 12:30 horas do 12 de xuño de 2016, este último regresou dunha cafetería tras inxerir unha moi elevada cantidade de alcol ao longo da noite, arroxando un resultado de 3’47 gr/l, presentando unha situación compatible cunha intoxicación plena etílica.

Unha vez en casa sentou nun sofá do salón da vivenda, estancia na que habitaba o acusado. Por causas que non quedaron acreditadas, co ánimo de acabar coa súa vida, o acusado atacouno cunha prancha da roupa, dirixindo o seu ataque á cabeza mentres a vítima tentábase protexer coas mans e os brazos.

Finalmente, alcanzou á súa vítima golpeándolle unha vez coa prancha na zona lateral esquerda da cabeza, de forma tan violenta que esta acción produciu un contragolpe na zona dereita. Igualmente dirixiulle dous golpes máis en extremidades. As lesións ocasionadas na zona cranial foron mortais de necesidade.

O escrito engade que o acusado golpeou á súa vítima con ánimo de causar a súa morte, e a propósito de que tanto polo instrumento utilizado, así como pola zona corporal afectada, a violencia do golpe e a súa traxectoria, causaría a morte, aproveitándose ademais da mermada e limitada capacidade de atención e reacción da vítima derivada da súa intoxicación etílica.

A continuación, o acusado, coa finalidade de eludir a súa responsabilidade, recolleu a prancha e depositouna nunha mesa no hall de entrada, colocou unha táboa de cortar de madeira na cociña e limpou os restos de sangue con dous baietas, tirándoas á papeleira xunto coas pezas rotas da prancha.

Así mesmo, colocou no chan do salón un coitelo que collera da cociña coa intención de procurarse unha xustificación da súa conduta.

O acusado atópase en prisión preventiva desde o 13 de xuño de 2016 por estes feitos, e o Fiscal solicita o mantemento da medida cautelar.