UCN presenta moción ao pleno para a actualización do inventario de camiños públicos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, presenta moción para debate no pleno ordinario de xaneiro, a celebrar este xoves, na que se propón “Instar o Alcalde Presidente, para que ordene que polos servizos técnicos municipais actualícese o Inventario de vías públicas consolidadas, incorporando as fichas e planos tanto en soporte papel como en formato dixital ao actual Inventario municipal de Bens.

UCN lembra que o actual inventario de camiños públicos foi aprobado en senllos plenos celebrados do 27 de marzo de 1998 e 27 de maio de 1999, coa documentación acreditativa para a incorporación de determinadas vías municipais -que aínda que inicialmente puidesen ter a condición de servidumes de paso-, co paso dos anos foron consolidándose ao dispoñer mesmo dos servizos públicos municipais de iluminación pública, auga, rede de sumidoiros etc., adquirindo en consecuencia, a condición de vías públicas municipais, e incorporadas ao inventario municipal de bens.

Igualmente, en sesión plenaria celebrada o día 28 de marzo de 2012, deuse un novo paso incorporando tamén a soporte informático, tanto as fichas como planos, co obxectivo de acreditar a súa inclusión no referido inventario.

UCN pon de manifesto que durante estes últimos vinte anos non se actualizou o citado Inventario coa incorporación de novas vías públicas, que co paso do tempo fóronse consolidando e que dispoñen tamén de servizos públicos (iluminación, auga, rede de sumidoiros, telecomunicacións etc.), e mesmo nalgúns casos pavimentación.

Fernández Comesaña, advirte que esta circunstancia está a xerar múltiples problemas aos veciños á hora de xestionar licenzas de construción, “dado que a falta de actualización e incorporación destes viarios ao Inventario de Bens, está a expor importantes dificultades na xestión do plan urbanístico municipal, impedindo aos veciños poder construír en parcelas con fronte a viarios que dispoñen dos servizos públicos”, conclúe o portavoz independente.