O goberno de Nigrán leva ao pleno a petición dun préstamo sen xuros de 369.905 € para a biblioteca

O goberno de Nigrán levará ao pleno ordinario de hoxe unha moción de urxencia para solicitar á Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros de 369.905,05€ destinado a financiar a totalidade da contía municipal para a construción da nova biblioteca municipal. A futura instalación está orzada en 1.849.525€, facéndose cargo a Deputación do 80% do investimento tras a concesión dunha subvención para o reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes. O 20% restante do orzamento total se corresponde aos 369.905,05 € que o goberno propón presentar á Deputación tras a publicación no BOP do 25 de xaneiro das bases reguladoras para a concesión, por concorrencia competitiva, de préstamos sen xuros a municipios da provincia.

«A moción preséntase de urxencia porque as bases se publicaron a semana pasada, circunstancia da que toda a corporación está ao tanto. Tal e como prevíamos, o proxecto cumpre coas bases reguladoras para poder pedir este préstamo sen xuros nin comisión de apertura, é a ocasión que estábamos agardando. Sen dúbida, é a mellor vía de financiamento posible», sinala o alcalde, Juan González, quen engade que se amortizaría en 3 anos.

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio exponse nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado e que foi consensuado previamente cos grupos políticos e técnicos municipais. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que comunica co gran patio existente e que, ao mesmo tempo, supón unha zona previa á entrada da biblioteca por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Ceán ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.
Cun deseño de liñas modernas e sobrias adaptado á morfoloxía da parcela, a fachada exponse de granito e morteiro de cal e a xeometría da planta responde á propia forma do solar. O edificio consta de catro andares: na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos; e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

«O espazo se multiplica con respecto a actual do Ceán dando cabida a usos que actualmente non existen e permitindo rexenerar a praza exterior, á que estará directamente ligada cun acceso cuberto para darlle continuidade», incide González.

Actualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos. Conta con 43.800 volumes consultables por Internet no catálogo informatizado en liña.