Ciudad Ciencia festexa o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia no IES Val Miñor

O Concello de Nigrán, a través do proxecto de divulgación “Ciudad Ciencia” impulsado polo CSIC e a Obra Social La Caixa ao que se adheriu o municipio no 2017, ofrece mañá venres unha xornada no IES Val Miñor enmarcada no Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

Pilar Riobó e Mar Nieto Cid, investigadoras do Instituto de Investigacións Mariñas, e Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, exporán aos estudantes da ESO que muller de ciencia admiran ou consideran especialmente relevante. A continuación, cada unha falará das súas experiencias persoais tentando buscar puntos en común co alumnado. Para finalizar, abrirase o debate, polo que as tres relatoras levarán preguntas para facilitar o diálogo.

A filosofía desta actividade de Ciudad Ciencia é totalmente divulgativa e co obxectivo de dar visibilidade ás mulleres na Ciencia mentres o alumnado goza da xornada.

Anuncios