Cinco equipos do Club Laroca de Nigrán participan na liga galega de xadrez

FOTO: XADREZ LAROCA // Sergio e Lino.

O pasado sábado comezou a liga galega de xadrez onde o Club Laroca de Nigrán participa con cinco equipos.

Na primeira división o Laroca A participa no grupo C desprazándose a Coruxo para enfrontarse a Mosefesa & THE Wailers, recentemente ascendido esta tempada, onde conseguiu un empate a dous puntos. Nesta ocasión no primeiro taboleiro con negras xogou Mireya Represa (1-0), no segundo con brancas Constantino González (0’5-0’5), no terceiro con negras Sergio López (0-1) e no cuarto con brancas o xogador do Laroca-C Avelino Iglesias (0’5-0’5).

En segunda división no grupo E participan o Laroca B e o Laroca C. O primeiro encontro celebrouse en Nigrán co enfrontamento entre os dous equipos laroqueiros, cunha vitoria do Laroca C por 3’5 puntos a 0’5 . Estes puntos foron logrados por Artai Bringas no primeiro taboleiro con brancas contra Patricio Salgado, Carlos Groba no taboleiro tres con brancas contra Rafael Simoes e Antonio Díaz no cuarto taboleiro con negras contra Jose Manuel Araujo. O último resultado foron unhas táboas no taboleiro dous entre Jorge Carneiro e Daniel Vaz.

En terceira división no grupo K tamén son dous os equipos inscritos este ano, IES Auga da Laxe e Mallón. O enfrontamento de estes dous equipos na primeira xornada rematou con vitoria do IES Auga da Laxe por 3’5 puntos a 0’5. As tres vitorias foron logradas por Pablo Pérez no primeiro taboleiro contra Mauro Sanromán, Laura González no terceiro taboleiro contra Guillermo Cousido e Jose Manuel Fernández no cuarto taboleiro contra Rafael Marquez. O empate produciuse no segundo taboleiro entre Ana Fernández e Ricardo Fernández.

O vindeiro sábado celebrarase a partires das 17 horas, a segunda xornada. O equipo do Laroca A na primeira división recibe na sede de Cotros a un dos cocos do grupo, o equipo ourensán Universitario de Ourense A.

Na segunda división no grupo E o Laroca B enfrontarase en Mallon ao equipo EXP Concello de Pontevedra, mentres o equipo do Laroca C desprazarase á Guarda para enfrontarse ao equipo Xadrez Albatros B.

Na terceira división no grupo K, o equipo do Laroca Mallón recibe o equipo ponteareán do Instituto de Ponteareas-Xadrez Ponteareas B, mentres que o Laroca IES Auga da Laxe desprazarase tamén a terras guardesas para enfrontarse o Xadrez Albatros D.