A campaña informativa “O que se enchufa recíclase” chega a Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Punto informativo da campaña "O que se enchufa recíclase na Praza do Concello.

O Concello de Nigrán acolle ata o día 6 de febreiro na Praza do Concello un punto informativo de “O que se enchufa recíclase”, unha campaña de información e sensibilización, da Consellería de Medio Ambiente en colaboración con Ofiraee, para a correcta xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE) a través dos puntos de venda destes aparellos en Galicia. Esta campaña enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e os SCRAPS no que se establece o desenvolvemento de accións de información, divulgación e concienciacións para a adecuada xestións dos RAEE.

O punto informativo (instalado ata o día 6 de febreiro, agás domingo e luns) está atendido por dous asesores de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Co fin de reclamar a atención dos consumidores a todos os que se acheguen a este posto se lles dará unha breve explicación sobre qué son e onde se poden depositar os RAEE. Os cidadáns poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal marcharán cun agasallo para a casa.

“O que se enchufa recíclase” ten por obxectivo fomentar a xestión dos residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos ao través dos puntos de venda de electrodomésticos así como formar e informar dos dereitos e obrigas que establece o RD 110/2015 tanto para consumidores como para distribuidores deste tipo de aparellos.