O Baíña FS recibe ao campión galego

Este domingo o Baíña de Preferente recibe ao Lume de Vigo, actual líder da liga e campión galego. Os baioneses repiten como locatarios este domingo ás 16:15 horas e con boas sensacións despois da vitoria do pasado domingo ante un gran Verín. Ademais, o equipo está lonxe dos postos de descenso e cada vez máis preto dos postos de honra, supoñendo o partido do próximo domingo un reto para o novo equipo de Baiona xa que o Lume está invicto despois de 17 partidos.

No descanso do partido o club organiza un concurso de puntería para todos os nenos e nenas de entre 4 e 15 anos, con premios para os máis acertados. Ademais, todos os equipos da base do club xogan este fin de semana. Moitos partidos serán no Pavillón Municipal de Baiona o sábado pola mañá.