Nigrán expón o proxecto de mellora da PO-552 e informa ás entidades veciñais para posibles alegacións

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Cruce da PO-552 no que se fará unha rotonda.

O Concello de Nigrán ten exposto ao público o proxecto da Xunta de “Mellora da Seguridade Viaria na PO-552” e enviou o mesmo ás entidades veciñais A Unión de San Pedro e A Irmandade de Priegue ao atoparse este en período de alegacións ata o 7 de marzo. O obxectivo é informar á veciñanza de primeira man desta actuación para que sexan partícipes do proxecto e trasladen ao Concello as súas propostas.

Dende o Concello xa se están a tramitar cinco alegacións, ao marxe das que logo lle poidan trasladar as asociacións ou particulares. Neste senso, dende o goberno de Nigrán se considera prioritario a mellora da accesibilidade peonil na contorna da rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella e Ureca, xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo e non se contempla ningunha actuación ao respecto pese a ser unha zona moi transitada por camiñantes, xa que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas de Ureca. «É imprescindible a construción de itinerarios seguros e accesibles en toda esa zona», recalca o alcalde, Juan González.

Ademais, o Concello de Nigrán tamén alegará para que se mellore a seguridade na curva da PO-552 á altura do Camiño das Angustias e Camiño da Cal, un punto de alta concentración de accidentes por mor da alta velocidade coa que acceden os vehículos pese a tratarse dunha pendente descendente cun trazado complicado. «Os días de choiva son habituais as saídas de vía e colisións, sería preciso instalar redutores de velocidade e mesmo substitución de pavimento por outro con máis adherencia, como o aplicado recentemente nesta estrada na contorna das Roteas, en Vigo», indica González.

Outra das alegacións que se presentarán dende o Concello será a mellora da seguridade no cruce entre Manuel Alonso, Camiño Vello e Vilameán. Esta confluencia de rúas está insuficientemente regulada mediante semáforos e precisa dunha reordenación que facilite aos condutores a circulación. O mesmo problema presenta en Priegue o acceso dende a PO-552 á Rúa Rouxo (barrio de Chans ou Campo Municipal de Condomínguez). «Tratándose precisamente dun proxecto de mellora da seguridade viaria, debe incluír estes dous puntos actualmente perigosos para peóns e condutores». Finalmente, o rexedor explica que tamén se alegará para que o asfaltado entre tramos de obra sexa continuo e non se limite aos puntos da actuación. «En moitos casos hai poucos metros entre as zonas onde se intervirá, polo que resulta máis razoable que a reposición do asfaltado sexa continuo e non se limite á parte das obras», conclúe o alcalde.

En calquera caso, o Concello de Nigrán mostra a súa satisfacción polo investimento da Xunta na mellora desta estrada clave para o municipio. «Sen dúbida é algo positivo para Nigrán, colaboraremos ao máximo coa Xunta e presentaremos as alegacións oportunas co fin de, entre todos, acadar o mellor dos proxectos», finaliza González.

Anuncios