
Qualité Sport e o Concello de Nigrán, en colaboración con seguros H2K e o centro Plaza Fitness, organizan o próximo 17 de marzo a terceira edición da Carreira Nocturna Nigrán H2K Plaza.
O evento comezará ás 19:30 horas coas categorías inferiores, desde pitufos ata cadete, que deberán completar unha distancia desde os 100 ata os 1.200 metros dependendo de cada franxa de idade. A proba reina, con saída ás 20:30 horas, terá 10.000 metros aproximadamente, 100% en asfalto.
O percorrido, con saída e chegada na Avenida Castelao, xusto á beira da Casa Consistorial, será por Rosalía de Castro, Rans, Estrada pola Vía, Torrente Ballester, Foz, Lourido Beiramar, Avda. de Praia América, Avda. de Canido, Cidade de Vigo, Gondomar, Baiona, Arquitecto Palacios, Avda. de Castelao, Bernardo Vázquez e Avda. Castelao de novo.
A entrega de dorsais e chips farase o venres 16 de 17:00 a 20:00 horas no ximnasio Plaza Fitness de Nigrán e o sábado 17 de 10:30 a 13:00 horas no mesmo lugar. Ademais, a partir das 17:00 horas na zona de saída/chegada.
Establécese un máximo de 400 participantes, repartidos nas categorías Absoluta, Sénior e Veteranos, e o prezo de cada inscrición será de 7 euros desde o 30 de xaneiro ao 4 de febreiro; de 9 euros desde o 5 de febreiro ao 11 de marzo; e de 11 euros desde o 12 de marzo ao 14 de marzo.
As inscricións poderán efectuarse ata o 14 de marzo na páxina www.emesports.com, así como no ximnasio Plaza Fitness de Nigrán (Praza Rosalía de Castro 9-11).
Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán premio, do mesmo xeito que os tres primeiros clasificados empadroados en Nigrán. Tamén se entregará un obsequio á persoa con maior idade, tanto masculina como feminina.
As inscricións das categorías inferiores serán gratuítas e todos os nenos e nenas recibirán unha medalla por finalizar a proba.