O Pavillón Municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela acolleu este sábado o Campionato Galego de Loitas Olímpicas nas categorías sénior e cadete. O Club de Loita Sabarís conseguiu o primeiro posto por equipos na categoría cadete, tanto na modalidade de Loita Libre Olímpica como na de Loita Grecorromana.
O club baionés, dirixido por Juan López, obtivo un total de 8 medallas, seis delas de ouro, unha de prata e unha de bronce. Anxo Uzal en 60 kg, Cristian Suárez en 70 kg e David González en 48 kg fixéronse con dúas medallas de ouro cada un, proclamándose campións galegos nas dúas modalidades. Álvaro González quedou segundo clasificado en Loita Libre Olímpica e terceiro en Loita Grecorromana, levándose unha medalla de prata e outra de bronce.
A competición autonómica estivo organizada polo Concello de Santiago de Compostela, o Club de Loita Stellae e a Federación Galega de Loita, co obxectivo de perfilar a selección galega que acudirá aos campións de España. A competición desenvolveuse en 3 tapices oficiais de loita de 10×10 metros.
As novas promesas da Loita en Galicia tiveron unha nova oportunidade de brillar para os campionatos nacionais.


