Sin categoría

MasterChef homenaxea aos afectados polos incendios forestais en Nigrán

A produtora de televisión Shine Iberia xa está a preparar a sexta tempada do concurso culinario de TVE, MasterChef, e estes días estiveron a gravar na comarca do Val Miñor. O equipo do programa, integrado por unhas 70 persoas, desprazouse este mércores ata o Parador de Baiona para gravar o que será o segundo programa desta nova edición do reality.

En homenaxe aos veciños de Nigrán que loitaron e padeceron os incendios forestais do pasado 15 de outubro, a maioría dos 120 comensais foron das parroquias de Chandebrito e Camos, as máis afectadas polo lume, entre eles o marido dunha das dúas falecidas. Todos os veciños probaron os pratos dos dous equipos participantes (vermello e azul), un menú dedicado a Galicia, con ameixas á mariñeira, xoubas guisadas, pescada á galega, e de sobremesa, filloas recheas de crema.

Os participantes partiron en dous autobuses desde o Concello de Nigrán. Na gravación, que se prolongou desde as 11:30 ata as 17:00 horas, estiveron acompañados polo alcalde de Nigrán, Juan González, e parte do seu equipo de goberno, e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

As cociñas nas que traballaron os 16 aspirantes do concurso estiveron situadas nos exteriores do Parador, mentres que a comida desenvolveuse nun dos salóns interiores. Os comensais puideron coñecer á presentadora do formato, Eva González, e ao final da gravación, ao implacable xurado composto por Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo- Nágera.