Última sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA // 9ª sesión de "Unha tapa con Carlos Casares".

Este xoves remata o ciclo “Unha tapa con Carlos Casares”, organizado pola Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:00 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión Gustavo Garrido García, secretario da Fundación Carlos Casares, comentará “A marxe 1992-2002. Obra xornalística I-X” e “10 lecturas compartidas con tapa”.

Ademais, nesta décima e última sesión, actuará Xardín Desordenado, que dedicou o seu terceiro traballo discográfico a Carlos Casares, confeccionando un programa na súa homenaxe, no que se inclúen cancións con diversos textos do autor, algún deles ben coñecidos coma “A Galiña Azul” ou “Un polbo xigante”, pero outros publicados ata agora só en revistas especializadas.