O goberno de Nigrán acorda coa oposición o investimento de 676.000 € do Plan Concellos 2018

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa do Ceán.

O goberno de Nigrán, fiel ao seu compromiso de transparencia e participación, acordou nunha xunta de portavoces cos representantes dos diferentes grupos municipais os investimentos que se presentarán ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. O alcalde, Juan González, ofreceu diferentes propostas con proxectos xa avanzados e, cun consenso absoluto, seleccionáronse oito obras por valor de 676.030 €, todas elas demandas polas entidades veciñais.

«Propuxemos un abano amplo de posibilidades e, entre todos e unanimemente, se elixiron os principais investimentos de 2018. Todas son obras demandadas reiteradamente dende as entidades veciñais», resume o alcalde. Estas inclúen o saneamento das rúas de Nigrán Lagoíña, Xestal e Palomar (198.987 €); humanización da rúa Cean (101.245 €) e rúa Igrexa de Chandebrito (82.678 €), renovación das beirarrúas da contorna do Pavillón Municipal (101.626 €); acondicionamento da rúa Rial que une Panxón e Prado (46.823 €); saneamento e abastecemento na Areíña de Parada (46.272 €); construción dun muro de contención no Cemiterio de Camos (54.450 €) e, finalmente, dotar cunha pista polideportiva a contorna do Pavillón Municipal (43.946 €). «Os técnicos municipais traballan dende hoxe mesmo na tramitación destes investimentos acordados para presentalos ao Plan Concellos 2018, ademais, o goberno os incluirá no orzamento de 2018», sinala o rexedor.

O goberno de Nigrán considera prioritario ir dotando de saneamento e abastecemento ás diferentes parroquias, con este obxectivo se abordará o saneamento de Lagoíña, Xestal e Palomar, zonas de Nigrán que estaban incluídas no convenio que revogou unanimemente a Xunta en 2015 e que afectaba tamén a Parada (onde o Concello tamén asumiu as obras). Ademais, a zona da Areíña de Parada tamén se lle dotará de saneamento e abastecemento.

A accesibilidade contemplada no proxecto “Un Nigrán para todos” abrangue a metade dos investimentos aprobados. Aquí se atopa a humanización da rúa do Cean, ampliándose en tres metros lineais que permitirán a construción de beirarrúas e aparcamento dende o xogo de bolos ata o Cemiterio e o seu pavimentado, todo elo grazas á cesión desinteresada de terreo do propietario Jorge Lence. Ademais, se renovarán todas as beirarrúas da contorna do Pavillón Municipal (en pésimo estado) e se acondicionará a rúa Rial da mesma parroquia mediante o seu pavimentado. Finalmente, se contempla a humanización da rúa Igrexa de Chandebrito, unha estrada que atravesa o núcleo histórico desta parroquia e onde se aposta por substituír o actual asfaltado por un pavimento de pedra máis acorde e respectuoso coa súa contorna. «Todas elas son rúas fundamentais e en núcleos de moito tránsito de vehículos e peóns. En Chandebrito trátase de poñer en valor un núcleo poboacional cunha gran riqueza histórico-artística», resume González.

Ademais, por motivos de seguridade e despois da súa caída, se inclúe a construción dun muro de contención no cemiterio de Camos e a construción dunha pista polideportiva exterior na contorna do Pavillón Municipal, algo moi demandado polos veciños ante a ausencia desta infraestrutura na parroquia.

«Co acordo destes investimentos para presentar ao Plan Concellos 2018 damos un paso máis no noso compromiso de transparencia e participación, deste mesmo xeito queremos traballar para aprobar os orzamentos», conclúe o rexedor.

Anuncios