Tan só Manifesto Miñor e CABE apoian a moción contra Porto Cabral e en defensa do comercio local

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Pleno de Gondomar celebrado este xoves aprobou a moción contra Porto Cabral e na defensa do comercio local presentada polo Grupo Municipal Manifesto Miñor, na que se destacaba que o modelo de grandes superficies que algúns sectores pretenden implantar é un desastre económico e laboral.

Sen ir máis lonxe a implantación de Marineda City na Coruña trouxo consigo o peche doutro grande centro comercial como era Dolce Vita, así como o peche de 4.000 comercios e a perda de 6.000 postos de traballo, e todo iso nunha área que conta cunha poboación superior aos 900.000 habitantes.

Gondomar atópase na área de Vigo, que ten unha poboación que apenas supera os 700.000 habitantes, no cal se pretende construír un centro comercial en Cabral a poucos quilómetros. O desenvolvemento deste centro tería consecuencias desastrosas para o comercio local de Gondomar e toda a comarca do Val Miñor pola súa proximidade.

O grupo investidor Eurofund defende un ambicioso proxecto no que está disposto a investir preto de 500 millóns euros para a construción dun macro-centro comercial e de ocio. Os veciños e veciñas de Cabral non vén a necesidade de ocupar 300.000 m2 de propiedade dos comuneiros e destruír o cinto verde de Vigo.

En Vigo operan media ducia de áreas comerciais (Meixoeiro, A Laxe, Gran Vía, Travesía, Praza Elíptica e Camelias, ás que se suman dous centro de Alcampo, nunha área comercial que conta cunha poboación estimada de 736.750 habitantes procedentes de 37 municipios das provincias de Pontevedra e Ourense.

Os defensores de Porto Cabral, que ocuparía unha superficie bruta alugable de 185.000 m2 dos que 125.000 se dedicarían a zona de ocio e os restantes 60.000 m2 a área comercial, sendo a extensión total de 550.000 m2, destacan a capacidade do macrocomplexo de ocio e comercio para atraer a clientes doutras urbes e incluso comunidades.

Máis de 1.200 comercios de Vigo veñen de constituír a Plataforma polo comercio local non a Porto Cabral, á que está adherida Ovalmi, para defender os seus negocios ante “este ataque que non traería consigo máis que a destrución de 6.000 postos de traballo na cidade de Vigo e nos concellos limítrofes”.

O comercio local reúne uns 20.000 negocios na área de Vigo que dan traballo a 30.000 persoas, o sector supón un peso no PIB provincial do 5,1%.

O texto aprobado polo Pleno contempla instar á Xunta de Galicia a garantir, mediante a aplicación da figura de protección forestal correspondente á normativa sectorial, que o ámbito de Liñeiriños quede fóra dunha futura cualificación de uso residencial, comercial, industrial ou calquera outro que permita a súa transformación e se considere o seu carácter de reserva forestal e polo tanto rústico.

Así mesmo, non aprobar ningunha proposta relativa ao ámbito de Liñeiriños ou calquera outra zona proxectada sobre o monte comunal de Cabral de declaración de Zona de Afluencia Turística a efectos de aplicación do réxime especial de horarios comerciais, e defender o comercio local e promover o pequeno comercio.

Finalmente, tamén instar á Consellería de Medio Rural a velar pola aplicación da Lei de Montes Veciñais en Man Común de Galicia sobre o monte comunal de Cabral e evitar fraudes nos usos permitidos.

Anuncios