Castro e Ladeira pídelle ao Concello o arranxo do “Camiño das Insuas”

FOTO: CASTRO E LADEIRA

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís ten a intención de solicitarlle ao Concello de Baiona o arranxo do “Camiño das Insuas”. “Sabemos que van chegar cartos ao Concello para o arranxo de camiños, e aínda que existen varios na parroquia de Sabarís en moi mal estado, dende esta asociación pensamos que o que está peor é o Camiño das Insuas”, afirmou Martín Otero, presidente do colectivo.

Os cartos que van chegar a Baiona proceden da Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Concretamente, o Concello vai recibir 38.509 € en dúas anualidades 2018 e 2019, e están destinados só para o arranxo de camiños municipais.

“Temos pouco máis dun mes para concretar as prioridades e presentar os proxectos, pero todos eses euros serán benvidos nos nosos barrios e parroquias. O verdadeiramente urxente é non perder esa subvención”, finalizou Martín.