Baiona presenta a III edición de “A Mar de Historias”

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona presenta a III edición do programa divulgativo “A Mar de Historias”. Preténdese un formato flexible e aberto ao público nunha cita co autor e o seu relato, contado de forma atractiva e interesante. A flexibilidade céntrase na diversidade de temáticas tratadas: arquitectura, arte, arqueoloxía, historia, fotografía e toda obra cultural relevante para a Vila, susceptible de incrementar o coñecemento e aprecio da mesma.

Estas conferencias divulgativas celebraranse no auditorio da Casa da Navegación, en horario de 20:00 a 21:00 horas, con entrada libre ata completar aforamento.

O 26 de xaneiro o investigador Suso Vila, doutor en Historia, autor de diversos libros sobre a poboación xudía de Tui na Idade Media, expoñerá os últimos resultados do seu traballo no que seguindo a pegada desta comunidade establécese a relación con Baiona como vila e porto onde organizan a súa saída. Un tema de gran interese para Baiona que lembremos, tivo comunidade xudía pola mesma época pero da que aínda se segue dispoñendo de escasa información.

O 16 de febreiro, Vicente Caramés Moreira, arqueólogo e actual director do Museo do Mar de Galicia, contará o seu traballo no control arqueolóxico das obras de construción do aparcadoiro da Palma en Baiona, con toda a problemática relacionada, así como os resultados do estudo posterior de materiais e información recuperada no transcurso dos mesmos, o que permitiu a localización de interesantes materiais de importación chegados polo comercio marítimo.

Anuncios