Baiona entrega os premios do concurso de fotografías do Trail Serra da Groba

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Xema Nogueira e Pablo Michi coas fotografías premiadas.

O Concello de Baiona entregou os premios do concurso de fotografías do Trail Serra da Groba. A instantánea “Garra y Pundonor” de Xema Nogueira, que recolle o esforzo realizado por un dos participantes durante a ascensión polo monte, alzouse co primeiro premio do concurso, e “Persecución”, realizada por Pablo Michi, que mostra dous corredores nun tramo do percorrido, logrou alcanzar o segundo posto.

A xuízo da organización da proba deportiva, encargada de facer a selección das fotografías, na que se presentaron unha trintena de imaxes, indica que con este concurso o que desexa é destacar o esforzo, sacrificio, espírito deportivo, así como difundir a riqueza do patrimonio ambiental e cultural que os deportistas atravesan ao longo do seu percorrido.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, xunto a Concelleira de Deportes, Mª Jesús Martíns, fixeron entrega dos premios aos galardoados, premios doados polo Parador de Baiona polo cal poderán gozar dunha noite nas súas instalacións. Ambos recoñeceron a gran calidade das imaxes tanto dos gañadores como do resto de participantes e agradeceron que compartisen as instantáneas que nos achegan aos corredores e mostran o seu esforzo e parte do traxecto que percorren.