Os concellos do Val Miñor recibirán máis de 134.000 € para a mellora de camiños municipais

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Asfaltado do Camiño das Laxes en Chandebrito.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a convocatoria do plan marco de mellora de camiños municipais destinado aos concellos. A Consellería do Medio Rural concede subvencións aos gobernos locais para o arranxo de pistas. O orzamento previsto é de 15,9 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades, dos que 7,99 millóns corresponden a este ano e os 7,99 restantes a 2019.

Desta cantidade, á provincia de Pontevedra correspóndenlle 3,2 millóns de euros. Os concellos da comarca do Val Miñor recibirán un total de 134.642 €, dos que 38.509 € irán destinados á mellora de camiños municipais en Baiona, 50.480 € en Gondomar e 45.653 € en Nigrán.

A Axencia Galega de Desenvolvemento ural (Agader) acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución, cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como o número de habitantes, a superficie, o peso do campo, o grao de envellecemento e despoboamento. Os gobernos locais terán un mes para presentar as súas solicitudes a partir da xornada de hoxe.

O obxectivo destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento do longo da vía, o reforzo de firme e de terrapléns ou a limpeza de marxes. Quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

O importe mínimo para cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes este ano será o 17 de setembro. O prazo final de xustificación será o 3 de xuño de 2019.