Sin categoría

Aberto o prazo de inscrición do Certame de Coplas de Entroido de Gondomar

Dentro do programa de actividades do Entroido 2018, a Asociación Cultural Centáurea convoca o certame de coplas, aberto a toda a veciñanza de Gondomar, que se vai celebrar na praza de Ángel Urzaiz (no caso de mal tempo, no Auditorio Lois Tobío), ás 12 do mediodía o domingo 4 de febreiro.

Establécese un máximo de participación de oito grupos, dos que serán escollidos os oito primeiros consonte a orde de inscrición, que será a que defina a orde das actuacións. Cada grupo estará formado cando menos por seis compoñentes, os cales non poderán participar en máis dun grupo.

As solicitudes de inscrición han ser remitidas no impreso anexo, ao enderezo electrónico ac.centaurea@gmail.com dende o día 15 de xaneiro até o 31 de xaneiro de 2018, ambos os dous incluídos.

As letras terán que ser integramente en idioma galego. A composición das coplas será libre, cun mínimo de oito estrofas, con interpretación acompañada de música, total ou parcialmente. Cada grupo poderá presentar un máximo de dúas coplas.

As letras das coplas e a relación de compoñentes do grupo serán entregadas antes do remate do prazo de inscrición. Un xurado composto por cinco persoas escollidas pola A. C. Centáurea, decidirá a avaliación dos merecementos de cada grupo participante, cuxa decisión farase pública no remate do acto.

Valoraranse tres aspectos: o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido; a posta en escena; e a composición e acompañamento musical das coplas.

A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases. A decisión do xurado é inapelable e de xurdir calquera continxencia, será resolta pola organización.

O grupo gañador terá o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración, pois na A.C. Centáurea consideran que o mellor premio é facer feliz á xente. E iso, teñen a certeza que se vai acadar.