Anuncios
Ticker de novas

Nigrán emprende obras de emerxencia en Camos tras o desprendemento de lama e rochas

Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Comunidade de Montes de Camos, están a realizar obras de emerxencia nun tramo de 150 metros na estrada de Piñeiros ante o recente desprendemento de lama e rochas sobre esta rúa e inundacións neste barrio ante a abundancia de choiva. A estrada, que une a parroquia de Camos coa de Chandebrito, discorre nunha das súas marxes ao carón do monte comunal calcinado nos incendios do 15 de outubro e, ante a ausencia de masa forestal nesta zona de pendente inclinada, a acumulación de choiva provoca escorrentías e precipitacións de lama e rochas sobre a calzada e o barrio de Piñeiros.

“É unha consecuencia directa do lume, a erosión causada no terreo fai que a auga baixe sen freo algún dende Chandebrito, xa que nos atopamos nunha zona de gran pendente. Era algo que nunca sucedera e vémonos na obriga de actuar de urxencia”, resume o alcalde, Juan González.

As obras consisten no retranqueo dun metro máis na marxe da estrada afectada, nova canalización de pluviais, construción dun talude cunha inclinación maior (terá unha distancia de 10 metros sobre a marxe máis desfavorable da calzada) e instalación dun muro de contención que impida os desprendementos sobre a calzada, ademais de habilitar novos aliviadoiros para evitar asolagamentos. Por outra banda, retiraranse árbores e rochas do monte nunha marxe de seguridade de 10 metros sobre a estrada.

“Trátase dunha obra de carácter urxente na que a resposta da Deputación tralo requirimento do Concello foi inmediata ao entender que se trata dun risco real”, sinala Diego García, edil de Urbanismo.

Por outra banda, o Concello de Nigrán reitera á Xunta a que aborde con celeridade o posible risco de desprendemento de rochas no castro de Chandebrito, alerta que foi trasladada dende o consistorio hai máis de dous meses. A petición da propia Alcaldía, a Policía Local de Nigrán emitiu en outubro un informe no que se alude a un “posible perigo de desprendemento ante unha riada ou chuvia cos conseguintes danos que podería causar tanto nas edificacións como nas vivendas que se atopan na falda do monte, así como nos vehículos que circulan pola rúa da Igrexa e camiño das Pereiras.

Anuncios