Anuncios
Ticker de novas

A nova directiva do Club Náutico Bahía de Baiona retomará as actividades da entidade

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, mantivo un encontro coa nova directiva do Club Náutico Bahía de Baiona. Estiveron presentes xunto ao rexedor, o concelleiro delegado da área de Pesca e Actividades Marítimas, Raúl Costas Lafuente, e por parte do Club Naútico o seu presidente, Ignacio Cuesta Zabala, o Vicepresidente José Antonio Prendes Serrano, así como outros membros, ademais de contar coa presenza do presidente da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable, José Antonio Beiro Diz.

Durante este frutífero encontro levouse a cabo un intercambio de impresións e as expectativas ás cales a nova xunta quere facer fronte. O novo dirixente colle a substitución co obxectivo de recuperar as actividades deportivas así como os concursos de pesca e as saídas en barco; optimizar os recursos do Club Náutico así como contactar con antigos socios, manter unha actitude de escoita activa ao socio, coñecer as súas inquietudes e necesidades e aproveitar as súas suxestións. Nesta liña o seu desexo é recuperar socios que abandonaron o club e animar a novos usuarios á súa adhesión.

Cabe lembrar que o Club Bahía Baiona naceu no ano 1.999, co nome Asociación de Propietarios de Embarcacións da 7ª Lista “Val Miñor”. Máis tarde, na Asemblea Xeral Ordinaria do 18 de Novembro de 2001, cambiouse o nome por Sociedade de Náutica e Pesca de Recreo “Val Miñor” (SONAPER V.M.) e posteriormente en Asemblea Xeral Extraordinaria do 14 de xaneiro de 2007 cambiouse novamente o nome polo actual Club Náutico Bahía de Baiona.

O Alcalde ofreceu todo o seu apoio tanto institucional como persoal para os futuros proxectos e agradeceu á nova presidencia do Club Náutico que retomasen a súa xestión; pola súa banda o concelleiro de Actividades Marítimas sumouse ás súas palabras e comprometeuse a seguir impulsando calquera actividade e apoiar as iniciativas que leven a cabo desde esta asociación.

Para finalizar, o Club Náutico Bahía de Baiona, agradeceu enormemente a boa vontade mostrada por parte do consistorio en colaborar e obsequiou ao Concello cunha placa gravada co nome do club.

Anuncios