Catro alumnos do CPI Cova Terreña de Baiona resultaron gañadores do primeiro premio de secundaria do concurso de ideas innovadoras “Oceans of Plastics” da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Trátase dun certame escolar organizado polo Campus do Mar, que ten como obxectivo aumentar o impacto e a concienciación sobre a problemática da presenza de plásticos e microplásticos no medio mariño.
O traballo premiado, “Corvo mariño”, foi presentado pola profesora Loreto Raya, elaborado polos alumnos de 4º de ESO-A Yago González, Susana Marcote, Alba Castro e Pablo Coutado. O premio, que recibiron este xoves, consiste nun Mini Dron para cada un dos integrantes do grupo.
A figura gañadora está incluída nun proxecto desenvolvido no centro o curso pasado, cando o alumnado de 3º de ESO elaborou animais mariños (corvo mariño, quenlla, congro, raia, peixe espada, camarón e sargo) con materiais de refugallos recollidos nas praias baionesas de Os Frades e A Concheira.
As sete pezas volumétricas, que foron realizadas xunto coas profesoras Loreto Raya, de Xeografía e Historia, Natalia López, Bioloxía e Xeoloxía, e Cristina Rodríguez, Educación Plástica e Audiovisual, permaneceron expostas durante todo o verán na Praza de Abastos de Baiona.


