Anuncios
Ticker de novas

O exprofesional David Galarreta será un dos líderes do Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // David Galarreta.

Tras dous anos competindo como ciclista profesional por todo o planeta, David Galarreta regresa esta tempada ao pelotón Elite e Sub23 español para relanzar a súa carreira vestindo as cores do Club Ciclista Rías Baixas. O proxecto da entidade que preside José Luis Chamorro seduciu a este corredor cántabro de 24 anos. O quinto e flamante fichaxe do conxunto do Val Miñor procede da histórica formación italiana Amore & Vita.

Polo seu palmarés no campo amateur e pola experiencia adquirida no seu paso por profesionais, Galarreta está chamado a ser un dos líderes do equipo que adestra Iván Rodríguez. O técnico salmantino e Gerardo Chamorro, xerente do Club Ciclista Rías Baixas, lograron convencerlle para que non colgase a bicicleta: “Decidira retirarme e continuar preparando as oposicións de bombeiro, pero eles transmitíronme moi boas sensacións. Dixéronme que con 24 anos merecíame outra oportunidade”.

Dúas veces campión de Cantabria de contrarreloxo e gañador dunha etapa na Volta a Segovia, o ciclista nado en Raimales de la Vitoria deu no 2016 o salto ao profesionalismo na estrutura serbia Dare- Gobik. Ese mesmo ano defendeu a camisola do Rietumu-Delfin letón, antes de recalar no Amore & Vita. Durante o ano e medio que pertenceu ao conxunto italiano “resultoume case imposible demostrar o meu verdadeiro nivel porque non competiamos de maneira seguida”.

A pesar de botar en falta ter máis carreiras no seu calendario, a pasada campaña disputou probas como o Circuíto de Utah, o Circuíto de Eritrea, a Challenge de Mallorca e varias clásicas en Italia e Francia. O seu retorno á categoría Elite e Sub23 asúmeo como un paso atrás para coller impulso e volver canto antes a correr ao máximo nivel internacional: “O meu obxectivo principal é facer o necesario para gozar dunha nova oportunidade. Ademais, existe a posibilidade de que o Club Ciclista Rías Baixas saque equipo profesional. Sairemos de dúbidas dentro duns meses, pero este proxecto ten boa pinta”.

“Seguro que daremos máis dunha alegría para así devolver a confianza que depositaron en min e todas as facilidades que me deron”, apunta Galarreta, que a próxima semana terá a súa primeira toma de contacto cos seus novos compañeiros durante a concentración que o persoal miñorán efectuará en terras pontevedresas.

Anuncios