Nigrán inviste máis de 20.000 € no repintado de estradas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Repintáronse os eixos e a sinalización horizontal.

O Concello de Nigrán vén de investir 22.000 € nun plan de mellora da seguridade viaria do municipio consistente en repintar os eixos e sinalización horizontal das estradas nas que ten competencia; isto inclúe toda a Costa dende Patos a Lourido, A Ramallosa e parroquias como Camos ou Priegue. Os viarios seleccionados presentaban un pintado xa pouco visible ou directamente non existía, polo que o goberno local considerou dar máxima prioridade a estes e logo continuar con aqueles outros que tamén o precisen.

“A efectiva demarcación de rúas é algo de vital importancia para o bo funcionamento da rede vehicular e para a propia seguridade dos usuarios, sexan estes condutores ou peóns”, sinala o alcalde, Juan González.

Así, na zona litoral incluíuse o pintado da Costa da Barxa (zona de Panxón-Patos), Cidade de Vigo e Arquitecto Palacios (contorna do Pavillón), rúa Baiona a Real e Avenida de Praia América. “Todas elas son estradas moi transitadas por atoparse en lugares tan estratéxicos do municipio como a zona de pavillón de deportes, o Centro de Saúde ou as praias”, resume González. En total, o investimento suma 8.400 euros.

No centro de Nigrán e Priegue repintáronse por importe de 3.600 euros a rúa Rosalía de Castro, o SAU-6 e a rúa Regueiriños (contorna centro educativo Ángel de la Guarda).

Por outra banda, na parroquia de A Ramallosa invístense 6.800 € na rúa Valle Inclán, todo o centro urbano de A Ramallosa, Camiño do Rego (Rans) e rúa do Gobernador no Viso.

Na parroquia de Camos finalizou xa o pintado de San Roque de Camos por un importe de 3.150 €. Trátase dunha rúa vertebradora da parroquia na que o goberno local vén de investir 145.000 euros no soterramento de todo o cableado, o que supuxo a eliminación definitiva de todos os postes que invadían indiscriminadamente a calzada.